A MEGAMINARÍA TÓXICA CHEGA A SANTA COMBA

A megaminaría a ceo aberto é unha das actividades industriais máis contaminantes que existen




















O crecente aumento na demanda internacional do ouro e outros metais disparou o interese das multinacionais do sector por un novo tipo de formas de explotación dos recursos moi pouco respectuosas co medio.

A minaría a ceo aberto remove a capa superficial do terreo para facer accesibles grandes cantidades de mineral de baixa lei, que no pasado foron considerados como non rendibles pola súa escasa proporción de mineral de calidade. Nun curto período de tempo pode modificarse totalmente a orografía dunha rexión facendo rendible, por exemplo, a explotación duns poucos gramos de mineral por tonelada de material removido.

A minaría a ceo aberto utiliza inxentes cantidades de auga e substancias químicas de elevada toxicidade coma o cianuro de sodio no caso do ouro ou o ácido sulfúrico no do cobre. Ademais, as actividades deste tipo de minaría comprenden diversas etapas, cada unha das cales leva consigo impactos ambientais concretos, durante: (a) A prospección e explotación dos depósitos, (b) A preparación das minas, (c) A explotación mineira e (d) O posterior tratamento dos minerais obtidos co fin de obter unha produción rendible para a súa comercialización.

A minaría a ceo aberto dispara os beneficios dunhas poucas corporacións transnacionais, pero supón un prexuízo máis que evidente a nivel social, enfrontando ás poboacións e ambiental, polos graves riscos que entraña para a saúde humana e o ámbito natural.

Santa Comba encóntrase hoxe no ollo do furacán e xa non se trata de explotacións de minaría convencional das que falabamos antes. Wolframio e outros minerais en Varilongo e ouro na antiga mina das Foxas. Explotacións a ceo aberto que poderían cambiar para sempre a configuración da nosa bisbarra. Porque ista non é a minaría tradicional, senón unha actividade industrial de gran porte que é rexeitada por sistema por comunidades de todo o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario